Marzo: Mes da muller

Con motivo do Día da Muller, que cada ano se celebra o 8 de marzo, desde a biblioteca de secundaria quixemos estender a todo o colexio, e durante todo o mes, o labor dalgunhas das mulleres galegas que ao longo da historia deixaron unha importante pegada non só na cultura do país, senón tamén na sociedade en xeral.

Fixemos unha exposición de máis dun centenar de carteis onde tentamos facer visible ese labor moitas veces silenciado. Desde Exeria, María Soliño ou María Balteira, ata Ledicia Costas, Chus Lago ou Teresa Portela.

Así mesmo, dentro da propia biblioteca colocamos en lugar destacado unha boa selección de libros escritos por mulleres para que os rapaces e rapazas de secundaria puidesen botarlles unha ollada e levalos para as súas casas se o desexaban.